Tolerancia ou represión?
O
uso do velo nas escolas deu lugar nos
últimos tempos a unha gran polémica e
controversia. Un dos casos máis coñecidos foi o de Najwa,unha nena musulmana
que foi explusada dun instituto madrileño por non cumprir a normativa vixente. Esta normativa baseábase na prohibición de
asistir á aula con calquera gorro ou
elemento que tape a cabeza. Pero acaso o uso do velo pode ser equiparado ó uso
dunha gorra? O velo para as mulleres musulmanas é un símbolo de
identidade, de protección, de expresión da súa cultura e relixión. A razón do seu uso dista moito do significado
opresivo e sometedor que para nós ten. Por iso cremos que non pode ser
equiparable a unha gorra porque vai máis alá dun elemento puramente estético.
Expulsar a unha
nena dun colexio por levar velo,é intolerable. Primeiro porque con este tipo de
actuacións as mulleres que usan o velo síntense atacadas, xulgadas, discriminadas
e en moitos casos reafírmanse moito máis no uso do velo como sinal de rebeldía,
para defenderse do que consideran un ataque á súa cultura por parte das
sociedades occidentais. Dende a escola débese partir da idea
de que estas nenas non poden ver no velo as mensaxes que nós vemos, pois están
inmersas nesa cultura dende que naceron. Non podemos pretender que a súa cultura
e forma de actuar cambie dun día para outro, expulsándoas do colexio por levar
o que elas consideran un símbolo da súa relixión, delas mesmas; de igual
maneira que non expulsamos a ningún alumno ou alumna por levar símbolos da
relixión católica como cruces e medallas, a pesar de que se poden encontrar pasaxes
na Biblia que reflicten a inferioridade das mulleres con respecto ós homes ó
igual que no Islam.
Dende a escola, nós como mestras e
mestres, debemos contribuír na apertura destas nenas, para que poidan ver máis
alá do que di o Corán ou a súa cultura, e poidan quizais algún día darse conta
de que certas prácticas son machistas e atentan contra os seus dereitos e as
súas liberdades. Pero este proceso debe ser gradual, e nunca provocado por unha
prohibición ou presión mediática, pois neste caso só conseguiríamos ralentizalo.
Xamais se debería expulsar a unha nena da escola por levar velo islámico,
porque a prioridade é que reciba unha educación
de calidade, e non un aspecto da súa vestimenta que para ela significa
parte da súa personalidade, da súa cultura e do seu espazo espiritual. Se
queremos contribuír ó cambio a solución non está na prohibición, senón na
educación. A educación é a mellor ferramenta para cambiar o mundo.
A continuación presentamos unha serie de noticias sobre o caso de Najwa, un dos máis polémicos sobre o uso do velo nas escolas:_
O primeiro é “As compañeiras de Najwa puxeron o velo hoxe para ir ó instituto”, que foi emitido nun programa informativo. Nel cóntase como varias compañeiras de Najwa, ante a actitude de rexeitamento do uso do velo no instituto deciden levalo elas tamén. Por esta accción sancionáronas e non se lles permitiu entrar na aula durante as tres últimas clases. Non entenden como se toman medidas contra elas e a súa compañeira por isto e, en cambio, se permiten as vestimentas provocativas dalgunhas rapazas se tamén aparece coma unha prohibición nas normas do centro. As mozas reclaman que ou se cumpre toda a normativa ou ningunha. Najwa fai unha pequena declaración na que nos conta que non pensa saca-lo pano e que non quere cambiar de instituto. O seu pai comenta que se non se respecta o desexo da súa filla tomarán medidas legais.
O segundo vídeo é “Najwa cambiarase de escola para levar velo” nel infórmasenos de que xa está apartada das clases, pero que se uniu ós seus compañeiros para ir a unha excursión, co velo, fóra do instituto e non lle puxeron pegas. A súa familia terá que acodir á comisión de escolarización para solicitar outro centro educativo. A Ministra de Igualdade declara que o debate non está no que opina cada un, senón en como se debe abordar esta cuestión, se dende a prohibición e a imposición ou dende o respecto e o diálogo, optando ela por esta última, xa que considera que o máis importante é a protección da nena, que é a parte máis vulnerable. Najwa incluso sufriu unha crise de ansiedade por toda esta situación.
O terceiro e último vídeo referido a este tema é “Está de
acordo con prohibi-lo velo islámico nos colexios?” emitido no programa “Show
Los Clones”, que consiste en recompilar opinións da rúa sobre este caso, polo
que é un documento totalmente subxectivo. Das 16 persoas entrevistadas 10
opinan que non se debe leva-lo velo á escola e a razón principal que dan é que
as normas dos centros hai que cumprilas, outras son que se non están de acordo
cambien de centro, que marchen para o seu país ou que se a lei permite que cada
colexio decida as normas internas do mesmo pois que hai que acatalas. Na banda
oposta están os que consideran que si se debe permiti-lo uso do pano nas
escolas, 6 persoas, argumentando que hai que respecta-la liberdade relixiosa e
cultural de todo o mundo porque iso non prexudica a ninguén.
Existen dúas posturas claras e completamente opostas, os
que están a favor da liberdade de expresión relixiosa e os que consideran que
levar velo á clase supón o non cumprimento da normativa interna do centro no
que así se estableceu.
Os que defenden o cumprimento das normas en canto a non
leva-la cabeza cuberta argumentan que é discriminatorio, que significa a
submisión da muller e chegan a comparar gorra con velo sen pararse a pensar no
significado de cada unha das dúas cousas. O tono empregado en moitas destas
opinións é ofensivo e indignante, e incluso se sinten atacados ó ver unha
musulmana con pano. As solucións que dan entre outras cousas é o regreso ós
seus países de orixe ou que cambien de colexio. Se vamos a atacar por esa vía
está claro que non se puxeron a analiza-la nosa situación, que ata fai trinta
anos viviamos dun xeito parecido a elas e aínda nos queda moito que traballar
para superar iso. Pero todo isto non nos dá dereito a prohibir ou impoñer algo
á forza se realmente é, o velo, un sinal de identidade relixiosa e cultural.
A segunda postura é a favor da utilización do velo na
escola onde se defende a liberdade de expresión relixiosa e o dereito a
vestirse segundo a cultura de cada un, que debemos respectarnos e que todo o
mundo ten dereito a unha educación de calidade. Se as nenas musulmanas teñen
que ir rotando de centro en centro, entón a súa calidade educativa diminúe,
ademais de atoparse nunha continua situación de adaptación ó novo ambiente.
Unha solución a todo este problema estaría en que os
gobernos se xuntasen para elaborar unha lei igual para todos, pero baseada no
respecto, na inclusión social-escolar e na convivencia intercultural. Se
deixamos que cada centro decida as súas normas internas con respecto a este
punto, sempre estaremos nunha situación de conflito, onde existirán as dúas
posturas enfrontadas de sempre e que non conducirá a unha solución axeitada
para todos.
As nenas son as grandes vítimas desta situación, as máis vulnerables
e nas que menos pensamos á hora de atopar unha saída a este conflito. Os
valores deberían estar por riba de intereses políticos e protexer a tódolos
menores que viven no noso país ou en países que non son os seus.
O uso do velo nas escolas é un sinal de identidade baseado
en crenzas relixiosas, do mesmo xeito que o é unha medalliña coa cara da Virxe
María para o catolicismo, non se trata de ofender ou atacar a ninguén, senón de
ser un mesmo, non se pode comparar baixo ningún concepto o velo cun gorro, pois
non teñen nada que ver. No momento en que non lles permitímo-la asistencia a un
centro a unha nena árabe pola súa vestimenta estamos botando abaixo a inclusión
escolar e todo o esforzo que moitos profesionais e que non o son poñen para
consegui-la igualdade de dereitos para todos, o respecto das diferentes
culturas e á diversidade en tódolos sentidos.